Grupo “O monte dos libros”
Coñecer outras literaturas e, con iso,
ampliar as xeografías lectoras dos membros do Grupo “O monte dos libros” foi a
proposta de Clubiblioneme para este trimestre.
Os relatos de Kipling (Contos de así
foi) foi a lectura escollida por Silvia e Yaiza, na que destacaron o
humor co que se narraban as peripecias que vivían os animais.
Melisa, Iria e Uma coincidiron
coa obra A rapaza de tinta e estrellas. Novela moi
entretida, chea de misterios, aventuras e moita imaxinación.
“Cada un de nós leva o mapa da súa vida
na pel, no xeito que camiña, mesmo no xeito en que medra.”
Millwood, K.- A rapaza de tinta e estrellas
Kevin, Alba, Sara e Nerea sinalaron a
valentía do protagonista da novela que escolleron, Un puñado de estrellas.
Durante tres anos, o protagonista escribe un diario no que reflicte o seu paso
da infancia a idade adulta nunha realidade hostil, marcada polas desigualdades.
O París de principios do século XX enmarca
a obra de Irène Némirovsky, O baile, que nos descubre a unha
adolescente vingativa. A actitude dos país, o egoísmo de Antoinette e o retrato da sociedade da
época son os elementos que máis interesaron a Elisa, Eva, Ivana, Laura, Natalie
e Jesús.
Despedimos un curso de retos, confinamento
e máscaras no que precisamos, máis que nunca, comunicarnos e compartir. A
través das actividades do Clubiblioneme quixemos que así fose. Obxectivo
cumprido. Grazas a tod@s @s que nos apoiaron neste propósito e,
principalmente, aos membros do Club.
Voltaremos o vindeiro curso, con forzas renovadas e o mesmo
compromiso.
Bo Verán e Boas Lecturas!
“Necesitamos desesperadamente que nos conten historias. Tanto como comer,
porque nos axudan a organizar a realidade e iluminan o caos das nosas vidas.”
Paul Auster
No hay comentarios:
Publicar un comentario