lunes, 20 de septiembre de 2021

Presentación de actividades

 

CluBiblioneme

GRUPO “O MONTE DOS LIBROS”

(Alumnado 1º, 2º, 3º, 4º ESO e FPB)

Presentación actividades


Un curso máis queremos continuar coa nosa actividade do Club de Lectura, CluBiblioneme. O noso obxectivo é incentivar a formación lectora.

Realizaranse as actividades do club seguindo as medidas establecidas polo protocolo Covid do centro e desenvolveranse os luns de 15:00 a 16:00 horas.

Se queres ser membro do noso club, debes anotarte, antes do 7 de outubro, na biblioteca do centro.

Anímate!!!

lunes, 21 de junio de 2021

REFLEXIÓNS LECTORAS

 Grupo “O monte dos libros”

Coñecer outras literaturas e, con iso, ampliar as xeografías lectoras dos membros do Grupo “O monte dos libros” foi a proposta de Clubiblioneme para este trimestre.

Os relatos de Kipling (Contos de así foi) foi a lectura escollida por Silvia e Yaiza, na que destacaron o humor co que se narraban as peripecias que vivían os animais.

Melisa, Iria e Uma  coincidiron coa obra A rapaza de tinta e estrellas. Novela moi entretida, chea de misterios, aventuras e moita imaxinación.

Cada un de nós leva o mapa da súa vida na pel, no xeito que camiña, mesmo no xeito en que medra.”

                                                                      Millwood, K.- A rapaza de tinta e estrellas                                                                             

Kevin, Alba, Sara e Nerea sinalaron a valentía do protagonista da novela que escolleron, Un puñado de estrellas. Durante tres anos, o protagonista escribe un diario no que reflicte o seu paso da infancia a idade adulta nunha realidade hostil, marcada polas desigualdades.

O París de principios do século XX enmarca a obra de Irène Némirovsky, O baile, que nos descubre a unha adolescente vingativa. A actitude dos país, o egoísmo de Antoinette e o retrato da sociedade da época son os elementos que máis interesaron a Elisa, Eva, Ivana, Laura, Natalie e Jesús.

Despedimos un curso de retos, confinamento e máscaras no que precisamos, máis que nunca, comunicarnos e compartir. A través das actividades do Clubiblioneme quixemos que así fose. Obxectivo cumprido. Grazas a tod@s @s que nos apoiaron neste propósito e, principalmente,  aos membros do Club.

 Voltaremos o vindeiro curso, con forzas renovadas e o mesmo compromiso.

Bo Verán e Boas Lecturas!

“Necesitamos desesperadamente que nos conten historias. Tanto como comer, porque nos axudan a organizar a realidade e iluminan o caos das nosas vidas.”

 

Paul Auster

martes, 15 de junio de 2021

8ª xuntanza Grupo “Merlín e familia”

Merlín e familia de Álvaro Cunqueiro foi a obra elixida para rematar as actividades deste grupo, condicionadas por esta larga pandemia que estamos padecendo.

Con esta novela, que da nome a este grupo, publicada en 1955, Cunqueiro comezou a súa obra narrativa. Estamos ante a historia dun Merlín vello, refuxiado nas terras de Miranda, que nos chega a través do relato do paxe Felipe de Amancia.

Na xuntanza virtual do 14 de xuño, descubrimos o dominio deste autor da historia medieval, da materia de Bretaña e do mundo celta.

A unión de historias imaxinadas con relatos absurdos e as referencias artúricas son os aspectos da obra que máis sorprenderon a Gema e a Mercedes.

Sen dúbida a unión da maxia e da fantasía coa realidade galega diríxenos a un realismo máxico galego. Así o comentaron Pilar, Celeste e Loli.

Culta, imaxinativa e moi divertida foron os adxectivos cos que calificaron esta novela Marga, Chelo e Vanesa.

“Verdade ou mentira, aqués anos da vida ou da imaxinación foron enchendo cos seus fíos o fuso do meu esprito i agora podo tecer o pano distas historias, novelo a novelo.”

                                                                                      Merlín é Familia

 Rematamos as reunións deste curso, condicionado pola pandemia. Esperamos que o vindeiro  podamos retomar as reunións presenciais.

O equipo de CluBiblioneme quere agradecer a fidelidade mostrada por todos os membros deste grupo que, virtualmente, seguiron ampliando as súas xeografías lectoras e crecendo como grupo e como lector@s.

Ata o próximo curso.

Bo verán e boas lecturas!

domingo, 16 de mayo de 2021

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2021

 Descubrindo a Xela Arias

“Que nunca, nunca xamais, me diga alguén que non entende de poesía. A poesía non se entende, síntese ou non se sinte, faise ou non se fai".

A Real Academia Galega dedícalle o Día das Letras Galegas 2021 a Xela Arias, unha das voces máis destacadas da poesía galega contemporánea.

Nerea Antelo Benítez, Alba Eirín Castillo, Uma Eirís Ferreiro, Iria Muíño Puente, Kevin Pallas Cebral e Melisa Pose Vázquez, alumn@s de 1º ESO e membros do grupo “O monte dos libros” do CluBiblioneme, colaboraron na gravación do podcast da Biblioteca en RadioNeme.


Biblioneme convídate, a través da lecturas dos seus libros, a seguir descubrindo a esta autora rebelde que derrubou convencións para construir a súa realidade, a súa independencia.

“Un libro pide demasiado. Pero hai que rebotarse contra iso. Rebotarse contra a concepción do libro coma un cadáver morto nun anaquel.”

                                                                            Xela Arias

De certo, a vida ía en serio.


Por iso morrer non conta

números.

 

Eras moza,

cómplice nunha derrota que non

sumabas. Feliz por terte insomne

por inmortal.

 

Xa temos cadáveres amigos

e coñecidos,

sabemos da morte o legado inútil.

 

Pero ¡que ridículo!, ¿non?,

abrazar o feito feliz de xa medrar

-camiñar ás aforas-

en tempos asépticamente tan

alienados.                                 

Intempériome (2003)

viernes, 14 de mayo de 2021

PREMIOS IV CERTAME CONTOS DE PRIMAVERA

 Na Semana das Letras, a Biblioteca Rego da Balsa de Carballo acolleu o sábado, 15 de maio, a entrega dos premios correspondentes á IV Edición do Certame Contos de Primavera, concurso convocado por Radio Voz e La Voz de Galicia, co patrocinio de Industrias Calvo.

Jesús M. Rey Gómez, alumno de 4º ESO A do IES Monte Neme, gañou o segundo premio deste certame co relato “Wolframio no fondo do Atlántico”.


O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero,  entregou o premio a Jesús M. Rey

Jesús, que xa obtivo o cuarto galardón deste concurso na convocatoria de 2018, forma parte desa xuventude que cre e constrúe na nosa lingua.

Noraboa a tod@s @s participantes!

Participantes no acto celebrado na Biblioteca Rego da Balsa (Carballo)

Enlaces de interese:

Ø  Textos premiados publicados en La Voz de Galicia:

https://www.lavozdegalicia.es/default/2021/05/14/00171621027083684929873/Fichero/ContosPrimavera2021.pdf

Ø  Noticia La Voz de Galicia:

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/carballo/carballo/2021/05/16/span-langglseredes-os-novos-xenios-da-literatura-galegaspan/0003_202105C16C7992.htm

lunes, 10 de mayo de 2021

7ª xuntanza Grupo “Merlín e familia”

 O 12 de maio, no centenario da súa morte, o Grupo “Merlín e familia” homenaxeou á figura de Emilia Pardo Bazán coa lectura de El encaje roto. Antología de cuentos de violencia contra las mujeres.

Reivindicamos o feminismo desta autora que non conseguiu entrar na RAE, mais logrou ser a primeira muller en presidir a sección literaria do Ateneo de Madrid e obter unha cátedra de literaturas neolatinas na Universidad Central desta cidade.

Todos os relatos desta antoloxía parecéronnos fáciles de ler, todos protagonizados por mulleres e moi interesantes. Destacamos El indulto, El encaje roto, Sí Señor, e El mechón blanco.

Todos eles reflicten , como ven sinala Celeste, a violencia que soportaban as mulleres da súa época e as súas loitas. Historias breves, pero intensas.

Ademais, salientamos a marabillosa forma de narrar desta escritora universal.

“No se hubiesen convencido jamás. Lo natural y lo vulgar es lo que no se admite. Preferí dejar creer que había razones de esas que llaman serias …”

                                                                                                  El encaje roto

Na vindeira xuntanza, o 14 de xuño, despediremos o curso cunha obra de referencia para este grupo, Merlín e familia de Álvaro Cunqueiro.

viernes, 9 de abril de 2021

6ª xuntanza Grupo “Merlín e familia”

O pasado 7 de abril o noso grupo “Merlín e familia” reuniuse para comentar a novela Infamia.

“Con este libro quixen escribir sobre unha desaparición e incidir na dor dos país”

                                                                                             Ledicia Costas

Nesta obra, a primeira de Ledicia Costas para adultos, atopámosnos cunha novela coral, un thriller psicolóxico no que hai moito sufrimento, moita escuridade e nada é o que parece.

Os comentarios, por parte dos membros do grupo, foron moi favorables e interesantes.

Para Celeste estamos ante unha obra entretida, chea de vidas escuras e traumáticas. Espera, ansiosa, unha segunda parte.

A Marga despertoulle emocións e enfados pola realidade que tiveron que vivir a maioría dos personaxes, dos que destaca a Emma.

Loli, Sonia, Gema e Chelo coinciden en que se trata dunha novela negra, policíaca e moi entretida, cun final aberto, na que se describe moi ben o perfil psicolóxico dos personaxes, a súas angustias e remordimentos.

A Vanesa gustoulle moito como escribe Ledicia Costas ainda que considera que en esta obra mestura demasiados temas.

En definitiva, unha lectura moi ben valorada.

O 12 de maio reunirémonos, on line, para homenaxear a Emilia Pardo Bazán coa lectura de El encaje roto. Antología de cuentos de violencia contra las mujeres.