lunes, 21 de junio de 2021

REFLEXIÓNS LECTORAS

 Grupo “O monte dos libros”

Coñecer outras literaturas e, con iso, ampliar as xeografías lectoras dos membros do Grupo “O monte dos libros” foi a proposta de Clubiblioneme para este trimestre.

Os relatos de Kipling (Contos de así foi) foi a lectura escollida por Silvia e Yaiza, na que destacaron o humor co que se narraban as peripecias que vivían os animais.

Melisa, Iria e Uma  coincidiron coa obra A rapaza de tinta e estrellas. Novela moi entretida, chea de misterios, aventuras e moita imaxinación.

Cada un de nós leva o mapa da súa vida na pel, no xeito que camiña, mesmo no xeito en que medra.”

                                                                      Millwood, K.- A rapaza de tinta e estrellas                                                                             

Kevin, Alba, Sara e Nerea sinalaron a valentía do protagonista da novela que escolleron, Un puñado de estrellas. Durante tres anos, o protagonista escribe un diario no que reflicte o seu paso da infancia a idade adulta nunha realidade hostil, marcada polas desigualdades.

O París de principios do século XX enmarca a obra de Irène Némirovsky, O baile, que nos descubre a unha adolescente vingativa. A actitude dos país, o egoísmo de Antoinette e o retrato da sociedade da época son os elementos que máis interesaron a Elisa, Eva, Ivana, Laura, Natalie e Jesús.

Despedimos un curso de retos, confinamento e máscaras no que precisamos, máis que nunca, comunicarnos e compartir. A través das actividades do Clubiblioneme quixemos que así fose. Obxectivo cumprido. Grazas a tod@s @s que nos apoiaron neste propósito e, principalmente,  aos membros do Club.

 Voltaremos o vindeiro curso, con forzas renovadas e o mesmo compromiso.

Bo Verán e Boas Lecturas!

“Necesitamos desesperadamente que nos conten historias. Tanto como comer, porque nos axudan a organizar a realidade e iluminan o caos das nosas vidas.”

 

Paul Auster

martes, 15 de junio de 2021

8ª xuntanza Grupo “Merlín e familia”

Merlín e familia de Álvaro Cunqueiro foi a obra elixida para rematar as actividades deste grupo, condicionadas por esta larga pandemia que estamos padecendo.

Con esta novela, que da nome a este grupo, publicada en 1955, Cunqueiro comezou a súa obra narrativa. Estamos ante a historia dun Merlín vello, refuxiado nas terras de Miranda, que nos chega a través do relato do paxe Felipe de Amancia.

Na xuntanza virtual do 14 de xuño, descubrimos o dominio deste autor da historia medieval, da materia de Bretaña e do mundo celta.

A unión de historias imaxinadas con relatos absurdos e as referencias artúricas son os aspectos da obra que máis sorprenderon a Gema e a Mercedes.

Sen dúbida a unión da maxia e da fantasía coa realidade galega diríxenos a un realismo máxico galego. Así o comentaron Pilar, Celeste e Loli.

Culta, imaxinativa e moi divertida foron os adxectivos cos que calificaron esta novela Marga, Chelo e Vanesa.

“Verdade ou mentira, aqués anos da vida ou da imaxinación foron enchendo cos seus fíos o fuso do meu esprito i agora podo tecer o pano distas historias, novelo a novelo.”

                                                                                      Merlín é Familia

 Rematamos as reunións deste curso, condicionado pola pandemia. Esperamos que o vindeiro  podamos retomar as reunións presenciais.

O equipo de CluBiblioneme quere agradecer a fidelidade mostrada por todos os membros deste grupo que, virtualmente, seguiron ampliando as súas xeografías lectoras e crecendo como grupo e como lector@s.

Ata o próximo curso.

Bo verán e boas lecturas!